Castros e petroglifos

PETROGLIFOS DO RÍO VILAR

PETROGLIFOS DO RÍO VILAR

"Descubre un lugar único con petróglifos de barcos e animais de fai máis de 3000 anos, que revelan a presenza de navegantes mediterráneos na zona."
Estamos ante a estación de petróglifos máis significativa da ruta pola temática dalgún dos motivos gravados nas rochas: os barcos. Nesta zona atopamos cando menos, tres grupos con representacións de embarcacións, entre as que destaca o representado no debuxo. Estamos perante a representación dunha embarcación de tipo mediterráneo, con mastro central e aparello. A porción do gravado que falta no centro da embarcación foi o resultado da infrutuosa procura dun tesouro a comezos do s. XX. Este tipo de embarcacións datarían no máximo cara o inicio do IIº milenio antes da nosa era (fai algo máis de 3000-3500 anos) e falaríanos da visita de navegantes procedentes do mediterráneo occidental.
Acompañando á embarcación temos múltiples representacións de animais, resoltas de dous xeitos diferentes. Unhas son esquemáticas, semellantes ás que podes contemplar noutras estacións ao longo da ruta, e outras amosan un tratamento máis naturalista. Presentan o corpo completamente baleirado e as patas flexionadas, para dar sensación de movemento. Os motivos de zoomorfos completamente baleirados son inusuais no conxunto da arte rupestre atlántica, o que amplía o interese deste grupo.