Coñece Oia
Guía interactiva turística
Oia é un pequeno municipio da costa sur de Galicia que atesoura numerosas pegadas do pasado. A súa singular localización, enmarcada polos montes da Serra da Groba e unha rochosa franxa litoral por onde transcorre a Costa dos Castros, foi decisiva en moitos momentos da súa rica historia: dende a antigüidade e ata o pasado máis recente. O Mosteiro de Santa María (S. XII), declarado BIC, é o único mosteiro cisterciense de Europa construído á beira do mar. Nas súas proximidades foi crecendo unha pequena poboación, chamada O Arrabalde, que conserva lugares singulares, así como edificios do século XVIII, e que na actualidade conta con inmobles rehabilitados e dedicados á hostalería.
Con 18 km de litoral atlántico, o concello de Oia é unha das paradas imprescindibles do Camiño da Costa. Ao longo do seu percorrido por Oia, o peregrino camiña sempre próximo ao mar, gozando das vistas ao océano Atlántico e atopando ao seu paso numerosos atractivos do patrimonio cultural e natural do municipio.
Na paisaxe oiense, os restos prehistóricos máis evidentes corresponden ás mámoas, enterramentos tumulares nas planicies da zona alta da Serra da Groba que teñen os seus mellores exemplos nas parroquias de Burgueira e Loureza. Numerosos son os paneis de gravados rupestres por todo o seu territorio, entre os que destacan os do río Vilar (Perdornes). Outros vestixios sobranceiros na paisaxe son a ducia de alturas castrexas próximas á costa, algunhas delas moi facilmente identificables, como é o caso dos castros de Chavella (Santa María de Oia), Cano dos Mouros (Viladesuso) e,sobre todo, o da Cabeciña (Mougás). Oia tamén foi un lugar habitado en época romana; desta consérvanse restos de salinas en Mougás e Viladesuso, ademais dos vestixios dunha explotación mineira en Burgueira.