Barrio do Arrabal
Estreitas rúas, pequenas prazas, tradicionais casas con patín saen ao noso encontro.
Ao amparo do mosteiro nace o barrio do Arrabalde, onde descubriremos estreitas rúas, pequenas prazas, tradicionais casas con patín saen ao noso encontro.
Ao abeiro do mosteiro medrou o Barrio do Arrabal. Este barrio constitúe un dos núcleos máis atractivos da parroquia de Sta. María de Oia. A súa rúa central, hoxe denominada Vicente López, era o paso obrigado da estrada. No seu estado actual aínda conserva varias construcións de interese, que reflicten a arquitectura galega tradicional, sobre todo as casas restauradas para servicios de hostalería e a fachada da reitoral da parroquia.
Ao comezo da rúa identifícase, pola súa placa, a primitiva casa do concello. Construída en 1875, na actualidade funciona como oficina local de turismo.
Destaca a pequena praza Centinela, miradoiro ideal sobre o porto e o mosteiro, cuxo nome recorda na súa toponimia a función de vixilancia que exercía este lugar ante os ataques inimigos. Conserva un interesante cruceiro, onde se aprecia a súa data de construción en 1764 e o seu doante. Na súa base destaca unha singular representación das ánimas do purgatorio.
Dende a balaustrada de pedra da praza, coa marea baixa, son visibles os restos do dique de pedra que pechaba completamente a enseada coa axuda dunha comporta. Esta construción tradicional, coñecida como “A Camboa”, era empregada como sistema de pesca polos propios monxes do mosteiro.