Salinas de Oia
Antigo xacemento arqueolóxico de salinas romanas
Descubre un antigo xacemento arqueolóxico de salinas romanas na costa con tanques de granito e muros de laxas. Ideal para amantes da historia e natureza.
Na franxa litoral, sobre todo entre A Guarda e Baiona, localizáronse unha serie de xacementos arqueolóxicos que se identifican como salinas. Posiblemente, esta actividade xiraba arredor de procesos relacionados coa pesca —xa que o sal é un elemento fundamental para a conservación das capturas— e realizábase nas múltiples factorías de salgadura tamén documentadas na nosa costa.
As salinas romanas constrúense con superficies lousadas horizontais, de forma rectangular ou cuadrangular, separadas por pequenos muros verticais.
A salina de Aguncheiro é unha destas explotacións. Actualmente, pódese ver un tanque formado por un lousado de pedras de granito, con muriños delimitadores feitos con finas laxas fincadas verticalmente. É unha parte da salina, xa que o resto aínda permanece baixo a terra e as rochas da zona, e incluso parte dela puido ser destruída pola acción do mar e os cambios morfolóxicos da costa.