Obras religiosas

MONASTERIO DE SANTA MARÍA DE OIA

MONASTERIO DE SANTA MARÍA DE OIA

Este antiguo monasterio cisterciense junto al mar, declarado Monumento Histórico Artístico, destaca por su fachada barroca y su historia defensiva contra inv...
Situado nunha privilexiada localización nesta abrupta costa, e declarado Monumento Histórico Artístico en 1931, o Mosteiro de Santa María de Oia é o único da orde do Císter construído á beira do mar. Este conxunto arquitectónico é o resultado da fusión de tres pequenos cenobios da comarca a partir do ano 1137 baixo a regra de San Bieito e favorecido por Afonso VII. A súa consagración á orde do Císter en 1185 marcaría non só as obras da edificación monástica, senón a súa propia personalidade e carácter artístico.

A igrexa, edificada entre os séculos XII e XIII, domina a paisaxe coa súa potente fachada barroca, onde destaca a figura da Virxe do Mar, aínda que no seu interior mantén as características propias do gótico cisterciense.

No século XVI constrúese o coro alto da igrexa e modifícase o claustro da Regra, engadíndolle unha planta. No século XVII realízanse diversas obras de fortificación do mosteiro, construíndose a muralla de clausura e a muralla da praia, así como o recinto que rodea o bosque e a praza de armas. No século XVIII constrúese a torre-campanario, a fachada actual e as naves que configuran o espazo actualmente coñecido como patio das laranxeiras.

Foi un importante baluarte defensivo ante as constantes invasións marítimas. Ao longo do século XVI, Oia recibiu artillaría e outras armas para evitar o desembarco de corsarios. Así, en 1624, os monxes loitaron contra os corsarios turcos que atacaban dous barcos, un francés e outro inglés. Este valoroso labor valeulles o título de “monxes artilleiros” e Filipe IV confirmaría daquela os títulos de Imperial e Real Mosteiro.

En 1835, coa Desamortización, púxoselle fin á vida cisterciense do mosteiro e este pasou a propiedade privada tras unha poxa. En 1838 constitúese a parroquia de Santa María, converténdose a igrexa monacal en sé parroquial. De 1910 a 1931 foilles alugado aos xesuítas portugueses e durante a guerra civil foi utilizado como campo de concentración de presos republicanos.

Na actualidade, o mosteiro é unha propiedade privada.